Wednesday 01 de May de 2024

As xornadas A Pobra do Caramiñal no Tempo achegan novamente as pegadas das e dos nosos devanceiros


As necrópoles, o patrimonio relixioso, a guerra da Independencia e a industria da enerxía eléctrica son os catro piares sobre os cales se asenta a quinta edición de A Pobra do Caramiñal no Tempo, as xornadas de divulgación sobre a historia, patrimonio e cultura pobrense que se desenvolverán no 10 e 11 de setembro seguindo, como xa é o costume, a metodoloxía teórico-práctica.

Trátase dunha proposta cultural que durante a segunda fin de semana do mes de setembro permitirá, tal e como explica a concelleira da Cultura, Patricia Lojo (PSdeG-PSOE), “activar, en sentido figurado, unha máquina do tempo a través da cal coñece-lo pasado para poder entender un pouco mellor o presente”, dilucida-la evolución do municipio ao longo das centurias dende diversas vertentes e o seu papel en distintos episodios históricos. Nesta ocasión, remontarase ata o Alto Medievo para saltar ata o século XVI, os inicios de 1800 e abranguer épocas xa relativamente máis recentes.

Manuel Gago, un dos impulsores deste ciclo, manifesta que se ofrece “unha visión dilatada no tempo arredor da evolución da Pobra do Caramiñal” abordando “temas innovadores e pouco coñecidos.” Pola súa parte, José Carlos Vidal, outro dos promotores, incide en que, no relativo aos dous lugares que se redescubrirán, “búscase revalorizar estes sitios” e tivo palabras de agradecemento para o párroco José Soneira polas facilidades no acceso ao templo relixioso de Santiago do Deán.

O alcalde, Xosé Lois Piñeiro (Nós Pobra), cualifica estas xornadas como “fundamentais na programación cultural do noso concello e están xa consolidadas”, ademais de pór en valor o éxito acadado ano tras ano.

Esta nova convocatoria arrancará na tarde do sábado 10 coa parte teórica, desagregada en catro coloquios que se ofrecerán no teatro cine Elma con persoas vencelladas ao eido da investigación. Habilitarase, ademais, a opción do streaming na canle do Youtube do Concello da Pobra do Caramiñal, onde tamén quedará gardado o vídeo para quen desexe visionalo en diferido.

O alcalde e a concelleira da Cultura inaugurarán as xornadas para, deseguido, dar paso ao primeiro dos relatorios: As necrópoles tardoantigas e altomedievais da Pobra do Caramiñal e do Barbanza, a cargo de Laura Blanco Torrejón. Posteriormente será a quenda de Memorias perdidas e linguaxes esquecidas: a capela de Alba da igrexa de Santiago do Deán, da man de Begoña Fernández Rodríguez. Tras un descanso, Manuel Gago Mariño procederá con As rías galegas e A Pobra do Caramiñal na guerra da Independencia para concluír con Xoán Carmona Badía e Eléctricas no Barbanza. Das primeiras iniciativas ao imperio Fenosa.

As persoas asistentes recibirán como agasallo o póster Os sartegos do Pomar, obra do arqueólogo e ilustrador José Ramón Almeida.

Precisamente este xacemento situado na parroquia de Santo Isidro de Posmarcos será obxecto dunha visita que se realizará no domingo 11, así como a mencionada capela de Alba, a partir das 10.30 horas, co adro do Castelo como punto de encontro.

Requírese a inscrición previa obrigatoria a través do enderezo electrónico bibliotecadapobradocaraminal@gmail.com ou do teléfono de contacto 981831633 ata o día 8 de setembro.